Recomendacion de lectura en momentos de relax

Harry Potter e as reliquias da morte é un libro escrito por JK Rowling, publicada no 2007.

Este é o último libro dunha gran saga de libros, nas que narra a historia de Harry Potter, un mozo que coñece o mundo da maxia, cuxos pais morreron cando el só era un bebe a mans dun mago tenebroso chamado Voldemort, e xunto aos seus amigos vai evolucionando e desenvolvéndose no mundo máxico. Neste libro en concreto nárrase o final da historia dos tres amigos, no que descobren que hai que facer para acabar con Voldemort e realizan unha procura por todo o mundo ata que finalmente remata cun duelo entre Harry Potter e Lord Voldemort.

Esta obra resulta orixinal, xa que che permite mergullarte de cheo na obra e a linguaxe que emprega é sinxela e fácil de ler e entender. A obra conta cun narrador e con diálogos dos personaxes, e utiliza a terceira persoa á hora de referirse aos personaxes.

Eu recomendo ler esta gran saga, porque che fai evadirte da realidade e mergullarte nese mundo máxico cheo de aventuras e de fantasía.
Aínda que eu só faga referencia a este libro, recomendo ler toda a saga.

Recomendacion de lectura para este verán

«Diario dun marine» é un libro escrito por Eugene Sledge que se escribiu en 1981.

A obra resulta orixinal xa que o protagonista é o propio escritor, o cal narra a súa historia na Segunda Guerra Mundial contra os xaponeses. Este libro poderíase considerar como o diario de Eugene Sledge, no cal se narra cada paso que deu o autor durante a guerra do pacífico. Ás veces o lector pode sentirse arrepiado coas cousas que conta o autor xa que narra a historia con todo detalle. Emprega a primeira persoa xa que utiliza o “eu”, cóntao dunha maneira na que se pode ver que o autor é o propio personaxe da historia. Este libro baseouse nas notas que Sledge gardaba en segredo nunha copia do Novo Testamento que levaba consigo. «Diario dun Marine» capta con sinxeleza e honestidade as experiencias dun soldado no encarnizado teatro do Pacífico. Aquí recóllese o que salvou, ameazou e cambiou a súa vida. E tamén o relato de como aprendeu a odiar e a matar, pero tamén a comprender, aos seus semellantes, e sobre todo a imaxe de repulsa tallante cara á brutalidade e o sen sentido da guerra.

En conclusión, eu considero que este libro só é para persoas que aguanten debido ás numerosas partes nas que se pode ler con todo detalle como algunha xente saía mutilada e con feridas moi graves, xa que é difícil non imaxinarse dita escena na túa mente. A min gustoume porque se conta con todo detalle o que pasou nesa guerra e porque axuda a ver como o viviron os propios marines que loitaron alí.

Tradicións

Unha das tradicións máis famosa de Verín é o entroido, pola súa figura característica do cigarrón e na que ao longo da festa se van sucedendo batallas de fariña.

Tamén está o San Antón, na que a xente se reúne nun monte para comer e pasar o día. A xente neste día adoita reservar o seu sitio porque senón pódense quedar sen el pola cantidade de aforo que se concentra nesa data ó redor da pequena ermida para festexar unha mestura de paganismo e relixiosidade.

Por outra banda tamén está a festa do magosto, a cal se celebra na época do outono, coa recollida dos froitos propios desta estación. Nesta festa a protagonista é a castaña.

Lendas: Lenda do carballo de Codesal

Esta lenda fálanos dunha historia de amor que, ao estilo de Romeo e Julieta, perdura ata máis aló da morte. Nunha esquina do cemiterio de Codesal érguese orgulloso un carballo centenario. Din que tan impoñente árbore só se sustenta en dúas raíces, que se afunden por separado na terra para acabar abrazadas moitos metros máis abaixo.

Has de saber que este carballo é a testemuña que nos queda dunha historia de amor desgraciado. En tempos do medievo saíron de Codesal tres arrieiros a buscar novos mercados nas terras de Galicia, e no val de Verín déuselles tan ben a venda que quedaron algúns días e ata amigos fixeron entre os mozos do lugar. Unha noite, na que quizais bebesen algunha xerra de máis, os codesalinos criticaron ao Señor de Verín por oprimir aos seus vasalos con tributos e obrigacións que en Sanabria non se usaban. Chegou isto a oídos do Señor, que non era moi receptivo ás críticas, e coas mesmas mandoulles prender e aínda decomisarlles as mulas.

Tiña a sentinela do castelo unha filla, moza e bela, que lle axudaba nas súas tarefas: entre outras, levarlle a comida aos arrieiros presos. Dáche que, co paso dos días, primeiro tomou amizade con eles e, aos poucos, chegou a namorarse do máis alto, o dos ollos castaños, e foi correspondida.

Cando chegaban as festas, a moza oíu dicir que o día de Nadal os codesalinos serían azoutados, expulsados de Galicia e as súas mulas e mercadorías requisadas polo Señor do castelo. Do desgusto, a moza púxose enferma e pediu permiso ao seu pai para retirarse antes de finalizar a cea de Noite Boa.

Mais o que fixo foi furtar o feixe de chaves e liberar aos tres arrieiros, as súas mulas e as súas posesións. Antes de partir na escura noite, o dos ollos castaños bicou a man da súa amada e xuroulle lealdade ata máis aló do camposanto. Cando se descobre a fuxida, a sentinela cae en desgraza e ha de abandonar Verín, buscando refuxio nos montes que lle viron nacer máis aló de Valdeorras. Aínda con golpes e malos tratos, nunca conseguiu que a súa filla recoñecese a súa participación na fuga. Un día, farto xa, maldiciuna e ela partiu cunha cuadrilla de segadores que baixaban cara a Castela en busca do seu xornal.

Vaites que os segadores atopan traballo en Codesal e instálanse por unhas xornadas. Pero é tan dura a faena, e tan grande a pena da moza filla da sentinela que gardaba o cárcere, que aos tres días alí morta queda. Os galegos han de partir, en Codesal non a coñecen e, mentres deciden que facer, só unha vella encárgase de apartarlle as moscas cunha rama de carballo.

Ao fin deciden sepultala nunha esquina do vello cemiterio, pero ninguén se acorda de levarlle flores e un dos mozos, cun punto de chanza, crava sobre a tumba aquela poliña de carballo. Aos poucos días, o arrieiro dos ollos castaños regresou a Codesal dun das súas viaxes. Cando lle contan a historia, coñece que falan da súa amada e, prostrado sobre a tumba, chóraa con amargas bágoas. Despois ingresou nun mosteiro e levou vida de santo ata o momento da súa morte. .

Termalismo

É unha ruta de balnearios que vai desde Verín ata Chaves. Está a de Cabreiroa en Verín, termas de Chaves e Vidago Palace tamén en Chaves.

Pero centrándonos só en Verín hai Cabreiroá, Sousas, Fontenova, Fonte do sapo.

O de Cabreiroá, a súa auga está composta por bicarbonato, sódio, cálcicas, litío e acídulas, teñen un sabor fresco, suavemente picante. Trátase dunha auga fantástica por favorecer a dixestión, estimular a mobilidade gástrica, así como o tránsito intestinal, biliar e pancreático. O segredo da súa excelente calidade reside, principalmente no seu nacemento e no desenvolvemento natural en que se sitúa. Paga a pena contemplar a impoñente fachada do antigo hotel balneario, que tamén tivo uso de cuartel e de hospital. A extracción da auga, a unha profundidade superior dos 100 metros, garante a súa pureza e a conservación de todas as súas propiedades.

O manancial de Sousas, dispón de augas bicarbonatadas  sódicas, litínicas e fluoradas, que emanan a unha temperatura de 19 ° C. Esta auga pode axudar a solucionar: problemas de ril, hiperclorhidria, gastralxia, úlcera gástrica, enteritis crónica, ictericia hepatóxina, catarro vexical crónico, cálculos incipientes, prostatite crónica. Na actualidade as súas augas comercialízanse como auga de bebida envasada, coa clasificación de Auga Mineral Natural, pero hai constancia de que en épocas anteriores tamén se usaron para baños.

O balneario de Caldeliñas, máis coñecido entre os veciños como “O Baño” e hoxe en ruínas, aínda conserva entre os seus restos a memoria do seu pasado esplendoroso. Declaradas de utilidade pública en 1859, as súas augas, de mineralización media, bicarbonatadas, sódicas, fluoradas e litinícas, nacen a 25º C acompañadas de abundantes burbullas. Son recomendadas para problemas de pel e reumatismos, mediante baño e aplicación externa.

Outro é Fontenova, as súas augas emerxen a unha temperatura que vai desde os 10 a 14 graos nos mananciais de auga sen gas a 18-19 graos nos mananciais de auga con gas. As características das augas é similar en todos os mananciais: bicarbonatadas sódicas, litínicas e fluoradas, de mineralización forte nas augas con gas e de mineralización débil nas que son sen gas. A fonte orixinal, a que é coñecida como “Fonte do Espido” que se atopa á porta do establecemento, mana a 17 graos, coa  esencia característica dunha auga con gas natural e un sabor ferroso polos sales de ferro que posúe en disolución. O seu caudal é 42 litros por minuto.

Fonte do sapo, recomendadas para doenzas gastro- hepáticas e trastornos respiratorios.

Pasado histórico do castelo de Monterrey

É unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia. Foi declarado Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e actualmente é un ben de Interese Cultural, dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España. A fortaleza está situada sobre os restos do Castro de Baroncelli ou Baroncelle.

A comarca, coas terras do val, formaba parte do señorío do mosteiro de Celanova. O castelo pasou por varias mans, pero os seus abades considerábano como unha ameaza á súa autoridade, polo que buscaron a protección da Coroa, chegando a obter do rei Alfonso IX, en 1213, un privilexio que ordenaba a demolición das defensas do castelo, aínda que non se chegou a cumprir e pasaría a dominio da Coroa. En 1366 o castelo adquiriu importancia e foi o refuxio de Pedro I o Cruel na guerra civil que lle enfrontou ao seu medio irmán Enrique de Trastámara, reunindo Consello no castelo. Pero a guerra continúa e hai unha serie de alianzas entre os enfrontados. Juan Rodríguez de Viedma apoia a Enrique e queda cercado en Allariz por Fernando de Castro, polo que debe fuxir, refuxiándose no castelo, resistindo alí ao seu perseguidor. Cando a guerra civil conclúe, o novo rei, xa Enrique II concédelle o dominio de Monterrey

Anos máis tarde, o rei Juan I de Castela concedeu os dereitos sobre o castelo, mediante matrimonio, a don Diego López de Zúñiga. O seu fillo levou o título de vizconde de Monterrey, e despois os Reis Católicos, Fernando e Isabel, concederon o título de primeiro Conde de Monterrey a Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso, que herdaría o seu patrimonio en 1461 despois de pleitear durante case vinte anos con Francisco de Zúñiga.

A fortaleza foi adaptándose a diferentes estilos ao longo da súa historia. A Torre das Damas foi edificada no século XIV. Entre os séculos XV e XVII os sucesivos condes de Monterrei construíron o palacio renacentista, a torre da homenaxe, o hospital de peregrinos e a igrexa gótica de Santa María.

Na Idade Moderna construíronse dous recintos abaluartados que encerraban os conventos de franciscanos e xesuítas, baixo a dirección dos enxeñeiros militares de Felipe IV, Juan de Villarroel e Carlos de Grunemberg. A función militar do conxunto fortificado complementouse coa importante vida cultural da pequena corte nobiliaria, na que se imprimiu o primeiro incunable galego e impartíase docencia en gramática, artes e teoloxía.

Hai moitas lendas por esta zona, pero a máis popular é a da Raíña Loba. Contaban que na provincia de Ourense, viviu unha poderosa raíña, tan cruel e despiadada que todos a coñecían como ” A Raíña Loba“. Como tributo por vivir nas súas terras, obrigaba aos campesiños que lle entregasen todos os días, unha vaca, un porco, e unha carreta chea de froitas e verduras. Rodeada dunha corte tan sanguinaria e cruel coma ela, os seus servidores arrasaban e incendiaban casas e colleitas, mesmo asasinaban da maneira máis cruenta a familias enteiras, diante de todo o pobo para sementar o terror e obrigarlles a pagar os seus tributos.

As familias campesiñas seguía unha quenda nesta entrega de vituallas, por medo aos servidores da Loba, pois moitos non volvían xamais. Neste clima de terror vivía toda a comarca, cando lle chegou a quenda de entregar os alimentos ao pobo de Figueirós. Os seus veciños reuníronse en asemblea, aquel ano fora duro e entregar un pago tan elevado, todos os días e durante un ano, significaba a súa ruína, polo que decidiron non pagar. Sabían que aquela decisión supoñería a súa morte, pois sen dubidar, A Loba mandaría as súas hostes contra eles, e serían perseguidos e mortos. Decidiron que se tiñan que elixir, entre morrer de fame ou a man dos sicarios da Loba, o mellor era morrer combatendo contra ela. Así que decidiron prepararse.

Fixeron lanzas e xavelinas, arcos e frechas, tomaron pedras e garrotes, e así, armados ata os dentes e o mellor que puideron, unha noite, aproveitando a escuridade, marcharon cara ao castelo da salvaxe muller. O castelo estaba en calma, todos durmían. Demasiado tranquilos e confiados no terror que sementaran na comarca, descoidaba a vixilancia das murallas. Nunca ninguén se atreveu a desafiar o seu poder, nin contaban con que tal cousa puidese suceder.


Sigilosamente, os veciños de Figueirós, rubiron murallas e abriron portas sorprendendo aos sicarios da Loba. Un breve, pero encarnizado combate, deu a vitoria aos aldeáns, que se lanzaron escaleiras arriba en busca da Loba. Esta, alertada co ruído do combate, refuxiouse na torre mais alta, pero ningunha porta era o bastante segura para resistir aos asaltantes. Cando viu ceder a porta e non querendo caer en mans daquel tumulto toleado, A Loba correu cara á muralla e arroxouse ao baleiro, morrendo esnaquizada contra as rocas. Coa súa morte, acabou o suplicio dos habitantes da comarca, que lembraron durante séculos, con romances e cancións, o valor dos veciños de Figueirós.

Os vasallos da Raíña Loba, agradecidos compuxeron está copla, que aínda se repite en toda a comarca:

Mataches a Raíña Loba,

pobo de Figueirós

mataches a Raíña Loba

fidalgo quedaches vós.

ENTROIDO VERÍN

O entroido é unha festa tradicional en toda Galicia, pero vou falar soamente do que se fai en Verín. Nestas datas, a xente adóitase disfrazar de calquera cousa, pero o disfraz máis común ou máis típico é o do cigarrón.

A festa empeza co Día de compadres, no que as mulleres se disfrazan de home para saír de festa e segue co Día de comadres, no que é ao revés, os homes disfrázanse de muller para saír de festa.

Durante o resto do entroido realízanse desfiles nos que o máis rechamante é o Paso dos cigarróns, onde os protagonistas pasan correndo cunha vara de coiro na man coa que van dando á xente que se cruza polo medio do desfile.

Nestes días a xente adoita saír de festa todas as noites, xa ben sexa nos pubs ou na praza García Barbón de Verín na que montan todos os días unha orquestra

Noutros pobos tamén hai disfraces clásicos moi parecidos ao do cigarrón en Verin. Un deles é Laza, na que o traxe clásico é igual ao do cigarrón pero o deseño da careta é diferente, chamados os peliqueiros; logo están os felos de Maceda cuxo deseño é similar; os merdeiros en Vigo, cuxos traxes cambian xa que é mais lixeiro; os boteiros de Viana do Bolo, que levan unha careta moito mais elaborada.

Cigarróns Verín
Peliquieros Laza
Felos Maceda
Merdeiros Vigo
Boteiro Viana do Bolo