É unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia. Foi declarado Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e actualmente é un ben de Interese Cultural, dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España. A fortaleza está situada sobre os restos do Castro de Baroncelli ou Baroncelle.
A comarca, coas terras do val, formaba parte do señorío do mosteiro de Celanova. O castelo pasou por varias mans, pero os seus abades considerábano como unha ameaza á súa autoridade, polo que buscaron a protección da Coroa, chegando a obter do rei Alfonso IX, en 1213, un privilexio que ordenaba a demolición das defensas do castelo, aínda que non se chegou a cumprir e pasaría a dominio da Coroa. En 1366 o castelo adquiriu importancia e foi o refuxio de Pedro I o Cruel na guerra civil que lle enfrontou ao seu medio irmán Enrique de Trastámara, reunindo Consello no castelo. Pero a guerra continúa e hai unha serie de alianzas entre os enfrontados. Juan Rodríguez de Viedma apoia a Enrique e queda cercado en Allariz por Fernando de Castro, polo que debe fuxir, refuxiándose no castelo, resistindo alí ao seu perseguidor. Cando a guerra civil conclúe, o novo rei, xa Enrique II concédelle o dominio de Monterrey
Anos máis tarde, o rei Juan I de Castela concedeu os dereitos sobre o castelo, mediante matrimonio, a don Diego López de Zúñiga. O seu fillo levou o título de vizconde de Monterrey, e despois os Reis Católicos, Fernando e Isabel, concederon o título de primeiro Conde de Monterrey a Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso, que herdaría o seu patrimonio en 1461 despois de pleitear durante case vinte anos con Francisco de Zúñiga.
A fortaleza foi adaptándose a diferentes estilos ao longo da súa historia. A Torre das Damas foi edificada no século XIV. Entre os séculos XV e XVII os sucesivos condes de Monterrei construíron o palacio renacentista, a torre da homenaxe, o hospital de peregrinos e a igrexa gótica de Santa María.
Na Idade Moderna construíronse dous recintos abaluartados que encerraban os conventos de franciscanos e xesuítas, baixo a dirección dos enxeñeiros militares de Felipe IV, Juan de Villarroel e Carlos de Grunemberg. A función militar do conxunto fortificado complementouse coa importante vida cultural da pequena corte nobiliaria, na que se imprimiu o primeiro incunable galego e impartíase docencia en gramática, artes e teoloxía.
Hai moitas lendas por esta zona, pero a máis popular é a da Raíña Loba. Contaban que na provincia de Ourense, viviu unha poderosa raíña, tan cruel e despiadada que todos a coñecían como ” A Raíña Loba“. Como tributo por vivir nas súas terras, obrigaba aos campesiños que lle entregasen todos os días, unha vaca, un porco, e unha carreta chea de froitas e verduras. Rodeada dunha corte tan sanguinaria e cruel coma ela, os seus servidores arrasaban e incendiaban casas e colleitas, mesmo asasinaban da maneira máis cruenta a familias enteiras, diante de todo o pobo para sementar o terror e obrigarlles a pagar os seus tributos.
As familias campesiñas seguía unha quenda nesta entrega de vituallas, por medo aos servidores da Loba, pois moitos non volvían xamais. Neste clima de terror vivía toda a comarca, cando lle chegou a quenda de entregar os alimentos ao pobo de Figueirós. Os seus veciños reuníronse en asemblea, aquel ano fora duro e entregar un pago tan elevado, todos os días e durante un ano, significaba a súa ruína, polo que decidiron non pagar. Sabían que aquela decisión supoñería a súa morte, pois sen dubidar, A Loba mandaría as súas hostes contra eles, e serían perseguidos e mortos. Decidiron que se tiñan que elixir, entre morrer de fame ou a man dos sicarios da Loba, o mellor era morrer combatendo contra ela. Así que decidiron prepararse.
Fixeron lanzas e xavelinas, arcos e frechas, tomaron pedras e garrotes, e así, armados ata os dentes e o mellor que puideron, unha noite, aproveitando a escuridade, marcharon cara ao castelo da salvaxe muller. O castelo estaba en calma, todos durmían. Demasiado tranquilos e confiados no terror que sementaran na comarca, descoidaba a vixilancia das murallas. Nunca ninguén se atreveu a desafiar o seu poder, nin contaban con que tal cousa puidese suceder.
Sigilosamente, os veciños de Figueirós, rubiron murallas e abriron portas
sorprendendo aos sicarios da Loba. Un breve, pero encarnizado combate, deu a
vitoria aos aldeáns, que se lanzaron escaleiras arriba en busca da Loba. Esta,
alertada co ruído do combate, refuxiouse na torre mais alta, pero ningunha
porta era o bastante segura para resistir aos asaltantes. Cando viu ceder a
porta e non querendo caer en mans daquel tumulto toleado, A Loba correu cara á
muralla e arroxouse ao baleiro, morrendo esnaquizada contra as rocas. Coa súa
morte, acabou o suplicio dos habitantes da comarca, que lembraron durante
séculos, con romances e cancións, o valor dos veciños de Figueirós.
Os vasallos da Raíña Loba, agradecidos compuxeron está copla, que aínda se repite en toda a comarca:
Mataches a Raíña Loba,
pobo de Figueirós
mataches a Raíña Loba
fidalgo quedaches vós.
