Esta lenda fálanos dunha historia de amor que, ao estilo de Romeo e Julieta, perdura ata máis aló da morte. Nunha esquina do cemiterio de Codesal érguese orgulloso un carballo centenario. Din que tan impoñente árbore só se sustenta en dúas raíces, que se afunden por separado na terra para acabar abrazadas moitos metros máis abaixo.
Has de saber que este carballo é a testemuña que nos
queda dunha historia de amor desgraciado. En tempos do medievo saíron de
Codesal tres arrieiros a buscar novos mercados nas terras de Galicia, e no val
de Verín déuselles tan ben a venda que quedaron algúns días e ata amigos fixeron
entre os mozos do lugar. Unha noite, na que quizais bebesen algunha xerra de
máis, os codesalinos criticaron ao Señor de Verín por oprimir aos seus vasalos
con tributos e obrigacións que en Sanabria non se usaban. Chegou isto a oídos
do Señor, que non era moi receptivo ás críticas, e coas mesmas mandoulles
prender e aínda decomisarlles as mulas.
Tiña a sentinela do castelo unha filla, moza e bela, que
lle axudaba nas súas tarefas: entre outras, levarlle a comida aos arrieiros
presos. Dáche que, co paso dos días, primeiro tomou amizade con eles e, aos
poucos, chegou a namorarse do máis alto, o dos ollos castaños, e foi
correspondida.
Cando chegaban as festas, a moza oíu dicir que o día de
Nadal os codesalinos serían azoutados, expulsados de Galicia e as súas mulas e
mercadorías requisadas polo Señor do castelo. Do desgusto, a moza púxose
enferma e pediu permiso ao seu pai para retirarse antes de finalizar a cea de
Noite Boa.
Mais o que fixo foi furtar o feixe de chaves e liberar
aos tres arrieiros, as súas mulas e as súas posesións. Antes de partir na
escura noite, o dos ollos castaños bicou a man da súa amada e xuroulle lealdade
ata máis aló do camposanto. Cando se descobre a fuxida, a sentinela cae en
desgraza e ha de abandonar Verín, buscando refuxio nos montes que lle viron
nacer máis aló de Valdeorras. Aínda con golpes e malos tratos, nunca conseguiu
que a súa filla recoñecese a súa participación na fuga. Un día, farto xa,
maldiciuna e ela partiu cunha cuadrilla de segadores que baixaban cara a
Castela en busca do seu xornal.
Vaites que os segadores atopan traballo en Codesal e
instálanse por unhas xornadas. Pero é tan dura a faena, e tan grande a pena da
moza filla da sentinela que gardaba o cárcere, que aos tres días alí morta
queda. Os galegos han de partir, en Codesal non a coñecen e, mentres deciden
que facer, só unha vella encárgase de apartarlle as moscas cunha rama de
carballo.
Ao fin deciden sepultala nunha esquina do vello
cemiterio, pero ninguén se acorda de levarlle flores e un dos mozos, cun punto
de chanza, crava sobre a tumba aquela poliña de carballo. Aos poucos días, o
arrieiro dos ollos castaños regresou a Codesal dun das súas viaxes. Cando lle
contan a historia, coñece que falan da súa amada e, prostrado sobre a tumba,
chóraa con amargas bágoas. Despois ingresou nun mosteiro e levou vida de santo
ata o momento da súa morte. .